Fernández Lores asina os mellores resultados na historia do BNG

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/25/pontevedra_resultado_eleccions.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/25/pontevedra_resultado_eleccions.mp4{/flowplayer}

 

PONTEVEDRA> Moitas menos sorpresas deparou a noite en Pontevedra. Na capital de provincia cumpríronse os prognósticos das enquisas, e o BNG de Miguel Anxo Fernández Lores quedou ás portas da maioría absoluta con 12 edís. No resto da comarca, a volta de Telmo Martín a Sanxenxo permite aos populares revalidar a alcaldía. En Poio, o empate entre BNG e PP obriga a Luciano Sobral a volver botar man dos tres edís do PSOE.

Tras dezaseis anos de goberno,  o BNG non perde pulo en Pontevedra. Onte, a formación de Miguel Anxo Fernández Lores asinou o mellor resultado da súa historia con 12 concelleiros, un máis que nos pasados comicios.

Mentres Lores quedou ás portas da maioría absoluta, os populares rexistraron o peor resultado dende a democracia. Con sete concelleiros, a formación de Jacobo Moreira non convence.

O Partido Socialista, pola súa banda, resiste e mantén os tres edís. Marea conseguiu entrar con dous, mentres Cidadáns faise cun asento no pleno da corporación.

En Sanxenxo, os resultados deixan a Telmo Martín como alcalde, pero obrígano a entenderse con SAL. Os populares repiten os 8 edís que xa tiña Catalina González, preto dos 9 que lle darían a maioría absoluta. Ben sexa cun pacto estable ou con acordos puntuais, Martín terá que botar man da formación de Gonzalo Pita, que pasa de 3 a 4 concelleiros.

O BNG tamén mellora os resultados de 2011, con tres actas, mentres que Sanxenxo Pode estréase cun concelleiro na corporación. A peor cara ofrécea o Partido Socialista, que queda cun único representantes.

Mellor aguantou o descontento a formación socialista en Poio. Con tres edís, Chelo Besada volve ser a chave de goberno para o BNG de Luciano Sobral, que con 7 concelleiros empatou co Partido Popular de Ángel Moldes.