Oubiña presenta en Baión a súa autobiografía

VILANOVA> Laureano Oubiña presentou este venres o seu libro autobiográfico no termo municipal de Vilanova de Arousa. Co Pazo Baión de fondo e cunha importante presenza de medios de comunicación o ex capo da droga atendeu as preguntas dos xornalistas sobre os “capítulos” máis polémicos da súa vida e anunciou que xca hai escrita unha segunda parte.
Un dos nomes máis coñecidos dos anos do contrabando e o narcotráfico en España, foi o de Laureano Oubiña, que presentou este venres o seu libro, no lugar no que segundo el mesmo afirma, “foi o principio do fin”.
Case trescentas páxinas, nas que o histórico capo da droga conta aspectos da súa vida tales como a financiamento a partidos políticos, o contrabando de tabaco ou o narcotráfico internacional. A pesar diso, Oubiña admitiu ante os medios que esta publicación non está completa e que xa hai escrita unha segunda parte.
O pasado 22 de xuño “Oubiña: toda la verdad” foi presentado en Madrid na Fundación de Rehabilitación e Reinserción Social de San Francisco de Asís. No caso de O Salnés Oubiña situouse na explanada da Igrexa de Baión, dende onde existe unha privilexiada vista do Pazo Baión, agora en mans de Condes de Albarei.