O PSOE recupera Vilagarcía e O Grove e o PP perde as maiorías de Cambados e Ribadumia

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/25/salnes_resultado_eleccions.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/25/salnes_resultado_eleccions.mp4{/flowplayer}

     

    SALNÉS> Na comarca de O Salnés, a noite electoral deixou moitas sorpresas. O Partido Popular perdeu a súa histórica hexemonía na zona, poñendo en perigo a alcaldía en concellos como Cambados e Ribadumia. En Vilagarcía, os socialistas recuperaron Ravella con oito concelleiros.

    Alberto Varela será o alcalde de Vilagarcía. Os votantes devolveron Ravella ao PSOE cun respaldo case histórico: oito concelleiros que lles permiten gobernar en solitario.

    Os socialistas gañan tres concelleiros respecto do 2011. Os mesmos que perde o Partido Popular, e que devolven a Tomás Fole á oposición.

    As urnas deron un edil máis a Esquerda Unida, que queda con tres. O BNG deixa un no camiño para quedar con dous. Outra novidade é a entrada dun representante de Somos Maioría.

    Pero os desgustos máis amargos para os populares chegaron de Ribadumia e Cambados. No seu bastión da capital do albariño e despois de 28 anos de gobernos do PP, Luis Aragunde perdeu a maioría absoluta e queda pendente de pactos. Dos 11 concelleiros pasa a 8, e a suma dos edís de PSOE, BNG, Somos Cambados e Cambados Pode superaría as actas populares. Os nacionalistas xa adiantaron que, no que dependa deles, non gobernará o PP.

    Semellante é a situación en Ribadumia. A forza dos independentes, que suman cinco concelleiros, permite que un pacto entre eles, Somos Ribadumia e PSOE, bote da alcaldía a Salomé Peña. Os populares deixaron tres concelleiros no camiño.

    Tampouco chegaron boas novas dende A Illa e O Grove. No concello isleño, os socialistas reconquistaron a maioría absoluta co seu novo candidato e sete concelleiros, fronte aos cinco do PP e un do BNG. En O Grove, os votantes devolveron a Cacabelos á alcaldía, dando ao PSOE a maioría suficiente para gobernar en solitario con 8 edís. O PP, forza máis votada no 2011 queda con catro concelleiros e EU-Son e BNG acadan os dous representantes. O Partido Galeguista Demócrata de Fredi Bea mantén o edil, pero non Alternativa Meca.

    En Vilanova, Meis e Meaño, Gonzalo Durán, José Luis Pérez e Lourdes Ucha salvan os mobles para o PP. Aínda que notan o desgaste e perden dous edís no caso de Vilanova e Meis e tres, no concello meañés, manteñen as maiorías absolutas.