Sen marisco e con cara de incredulidade

    RIANXO>. Así se quedaron os membros da confraría rianxeira cando se dispuñan a abrir unha das súas concesións. Os furtivos saquearan en varios días ó redor de quince mil quilos de marisco. ‘Chove na casa do probe’. Deste dito popular saben moi ben na confraría de pescadores de Rianxo, ou iso parece despois dos últimos acontecementos que se produciron nos últimos días. A intención da xunta directiva do pósito era abrir esta semana ó marisqueo a zona coñecida coma Punta do Capitán, no límite con Boiro. Unha concesión que levaba pechada varios meses, e que segundo as mostraxes realizadas con anterioridade, facían presaxiar boas capturas para esta campaña. Pero a sorpresa coa que se atoparon foi maiúscula. Os furtivos en varios días conseguiran saquear a maior parte da produción, especialmente ameixa. Uns quince mil quilos de marisco cun prezo no mercado que podería rondar os noventa mil euros aproximadamente. O pósito rianxeiro gardaba con especial mimo esta zona, na que tiña postas moitas esperanzas. Nun ano especialmente duro para os produtores, tanto de a pé como de a flote, con escasos ingresos, a apertura desta concesión podería supor un pequeno alivio para as súas economías. A confraría rianxeira xa puxo en coñecemento da Xunta esta problema, que xa está a ser investigado polo Servizo de Gardacostas, como tamén pola Garda Civil, onde presentaron tamén a correspondente denuncia.

    Comments are closed.