Nós Pobra abre a porta a posibles pactos co BNG e o PSOE

    POBRA> Analizados os resultados da xornada electoral, as distintas forzas con representación nos concellos nos que non se acadaron maiorías iniciaron os contactos para formar goberno. É o caso da Pobra onde a perda de dous concelleiros por parte do PP abre a porta a un posible goberno de esquerdas. O novo escenario resultante na Pobra tralas eleccións do pasado domingo apuntan a un cambio de goberno. A perda da maioría absoluta apearía ós populares da alcaldía tras dezaseis anos á fronte da corporación municipal. Tomaría o bastón de mando unha coalición de esquerdas liderada por Nós Pobra, a segunda forza do municipio que acadou catro concelleiros. Aínda que de momento non hai nada decidido, a nova formación reuniuse xa en asemblea para abordar a posibilidade de pactos coas outras dúas forzas que acadaron representación: BNG e PSOE. Pola súa banda, os nacionalistas están abertos a conversas para integrar un posible goberno de esquerdas pero prefiren non adiantar acontecementos á espera de que a asemblea se pronuncie. Á espera de que se formalicen as alianzas entre partidos para decidir o futuro goberno, o único que parece estar claro é que os populares non gobernarán en minoría xa que as forzas de esquerdas entenden os resultados electorais como unha clara vontade de cambio por parte da cidadanía.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí