Muíños confía na reedición do pacto co PSOE que o levaría á alcaldía

RIANXO> Os nacionalistas teñen intención de iniciar a próxima semana contactos co resto dos grupos, a excepción do Partido Popular, para chegar a acordo. Todo apunta a que o goberno rianxeiro para estes próximos catro anos volverá a estar formado por nacionalistas e socialistas, reeditando o pacto de 2011. O actual alcalde e candidato do BNG, Adolfo Muíños, referiuse a que nos próximos días iniciaranse os contactos co resto de forzas políticas, a excepción do Partido Popular, coa finalidade de configurar o próximo executivo. Segundo el buscarase un goberno estable, seguindo a liña marcada nestes últimos catro anos. En definitiva, un goberno de progreso, como foi a decisión maioritaria que tomou a veciñanza. Muíños tamén se referiu ó ofrecemento do Partido Popular que pasaba por ofrecerlle a alcaldía ós socialistas. Segundo el trátase dunha estratexia dos populares, similar ós bandazos que este partido está a tomar tamén noutros concellos. Dende o Partido Socialista opinase dun xeito semellante. A súa candidata Mari Carmen Figueira indicou que o único interese dos socialistas pasa por traballar para que Rianxo progrese, pechándose en banda a aceptar a proposta formulada polo PP, ó considerar que é ir en contra dos resultados que se deron nas urnas.