O BNG rexeita entrar nun goberno de coalición en Vilagarcía

    VILAGARCÍA> O BNG de Vilagarcía non entrará nun goberno de coalición. A decisión foi tomada de xeito unánime pola militancia, despois da asemblea que celebraron onte. Así as cousas, a intención dos nacionalistas é non impedir a investidura de Alberto Varela como alcalde.

     

    Quen comporá o vindeiro goberno de Vilagarcía, ademais do Partido Socialista, continúa a ser unha incógnita. Si sabemos quen non estará: o BNG. Esta mañá, os nacionalistas anunciaban a súa decisión de non formar parte dun goberno de coalición.

    A decisión foi tomada de xeito unánime na asemblea que onte celebrou a formación, escasas horas despois de que a súa número un, María Villaronga, mantivera un encontro co alcaldable socialista, Alberto Varela.

    O que si anunciaron é que non impedirán a investidura de Varela como alcalde.

    Alberto Varela, pola súa banda, expresou o seu respecto pola decisión dos nacionalistas. Esta tarde, continuou coa súa axenda de encontros, cunha reunión co número un de Esquerda Unida, Jesús López.

    Nos encontros que está a manter coas formacións, Varela non quixo falar de liñas vermellas. Para o futuro alcalde de Vilagarcía,  non hai cuestións que non se poidan abordar nas conversas.

    Varela insistiu en que aínda hai marxe de tempo ata a investidura, que se celebrará o 13 de xuño. Ata entón, opta polo optimismo e a prudencia.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/02/negociacions_goberno_vilagarcia.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/02/negociacions_goberno_vilagarcia.mp4{/flowplayer}