O Grove recupera o mercado con cen postos en Beiramar

O GROVE> Paso a paso imos recuperando a normalidade. Tamén no concello do Grove. Hoxe reactivouse o mercado ambulante dos venres, estreando medidas de seguridade sanitaria e tamén ubicación. Máis de cen postos repartíronse polo paseo de Beiramar para garantir que se cumpren as distancias.

O Grove recuperou hoxe o mercado ambulante. Hai xa varias semanas que os vendedores de produtos agroalimentarios podían montar, e esta mañá sumáronse un centenar de postos de téxtil. Estes estrearon ubicación: da praza do Corgo pasan ao paseo de Beiramar para garantir o cumprimento das distancias.

Tras varias reunións co representante dos ambulantes, o concello decidiu retomar esta actividade. Iso si, cumprindo sempre coas medidas de seguridade.

A intención é manter esta ubicación ata o mes de outubro. Sempre pendentes da evolución da situación sanitaria.

Ademais, o concello pediu aos veciños que eviten manipular excesivamente os produtos, e recomendan o uso de luvas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí