Rouban na mesma noite en dúas cafeterías de Cambados

CAMBADOS> Dous bares de Cambados sufriron nas últimas horas a visita dos ladróns. Nun deles seica levaron un botín de 3.500 euros. Nos dous establecementos os ladróns empregaron un método semellante para acceder ó interior. Tanto na cafetería A Leria, como no Plaza, os ladróns accederon facendo un burato nunha das fiestras do local o suficientemente grande como para poder acceder ó interior. No caso da Leria, o método foi máis sofisticado: antes de entrar ó local, romperon outra fiestra para anular unha das cámaras de vixilancia.

Dritan, o responsable do local, apunta que nos dous anos que leva á fronte do negocio nunca tivera ningún problema semellante. Segundo os seus cálculos, o botín co que se fixeron os ladróns podería ascender a 3.500 euros. Esta mañá, aínda coa rabia no corpo, Dritan queixábase da falta de Policía Local nas noites cambadesas máis alá das fins de semana. Cre que cun reforzo de axentes, poderíanse evitar roubos como o que a el lle tocou sufrir.

Tanto na Leria como no Plaza entraron a roubar contra as 4 da madrugada da noite do luns ó domingo. Hoxe esta céntrica cafetería, situada a escasos metros da Policía Local, mantiña a reixa baixada. CRB puido conversar co propietario que, aínda que declinou falar ante as cámaras, si indicou que o substraído no seu local non fora un gran botín: uns poucos cartos que había na caixa rexistradora.

Como no anterior establecemento, os ladróns accederon ó bar a través deste burato nunha das fiestras, empregando o mesmo modus operandi, o que fai pensar que se podería tratar do mesmo ladrón ou ladróns.