Este próximo venres arranca o ‘Xuño Musical’ en Noia

    NOIA> A primeira das actuacións correrá a cargo dos alumnos do grao elemental. Será ás oito e media da tarde no Coliseo Noela. Durante todo este mes de xuño os afeccionados á música terán unha cita en Noia, coa celebración un ano máis do ciclo musical do conservatorio Felipe Paz Carbajal. Esta mañá tiña lugar a presentación das distintas actuacións, nun acto que contou con representantes do propio persoal docente do centro de formación, así como tamén da ANPA e do propio concello, que colaboran na organización destes concertos que correrán a cargo do propio alumnado do conservatorio. Precisamente o director do conservatorio noiés, Dalibor Sebestik, destacou a importancia deste tipo de iniciativas, de cara a que os novos músicos poidan dar a coñecer as súas aprendizaxes ó longo do curso, servindo tamén de experiencia fronte ó público. Dende o concello noiés fan tamén un chamamento a acudir a presenciar estes concertos. A primeira das actuacións terá lugar este próximo venres cos alumnos do grao elemental. Tendo continuidade posteriormente os días 8, 11, 16, 22 e 26 cos alumnos de grao profesional e coro. todas as actuacións celebraranse no coliseo Noela, ás oito e media da tarde, a excepción da última que se desenvolverá na praza do Cantón, ás nove da noite. A dirección do conservatorio agradeceu a axuda do concello e tamén das distintas casas comerciais que colaboran co desenvolvemento do ‘Xuño Musical’.