Concluída a escavación das murallas do Castro de Baroña

    PORTO DO SON> Rematadas as obras no castro de Baroña que permitiron escavar a muralla primixenia, o concello seguirá a buscar financiamento para avanzar na posta en valor do xacemento. Pretenden converter este ben patrimonial no principal dinamizador turístico da comarca. A achega de preto de oitenta mil euros da Consellería de Cultura permitiu o escavado e reconstrución das dúas murallas que rodean o castro de Baroña. Unha actuación que o equipo de arqueólogos deu por concluída esta semana aínda que, advirten, queda moito por facer. Aínda se descoñecen as épocas en que o castro estivo habitado polo que se están a realizar unhas catas xeolóxicas. E son moitos os elementos que permanecen aínda sen escavar. Por esta razón, o goberno municipal de Porto do Son xa iniciou as xestións para acadar novas axudas que permitan avanzar na recuperación do xacemento arqueolóxico. Trátase dun dos vestixios celtas máis emblemáticos de Galicia e supón un importante factor de atracción turística. Nesta liña, dende o concello buscan a colaboración cos operadores turísticos para centralizar e xestionar as máis de cento vinte mil visitas que recibe o castro cada ano.