A mortaldade de marisco condiciona a futura campaña e aboca á confraría a un ERTE

NOIA> A confraría de Noia estima que preto do 50 por cento da cría morreu trala baixa da salinidade detectada a principios desta semana. Os mariscadores recolleron o marisco arrastrado ata os areais e volveron sementar a cría que aínda se atopaba en bo estado. Estiman que tan só un 20 por cento sobreviviu.

De catástrofe. Así cualifica o patrón maior de Noia o episodio de mortaldade vivido a principios desta semana que, calcula, provocou a morte do 50 por cento da cría de berberecho e ameixa. baixada da salinidade provocada polo exceso de chuvias e polo baleirado do encoro do Tambre está detrás deste novo desastre que pon en perigo a futura campaña.

Dende a confraría volven esixir á Xunta que estableza un protocolo para o baleirado dos encoros que evite os desaugues durante a baixamar.

Mentres tanto, o peche da actual campaña obrigou á confraría a acollerse a un ERTE que afectará a uns 90 traballadores.

Por outra banda, os servizos técnicos da confraría traballan tamén na solicitude das axudas para os mariscadores que, estiman, tan só chegarán ó 60 por cento dos afectados.