Nós Pobra e o goberno en funcións comezan a xestionar o relevo no concello

    POBRA> Á espera do debate de investidura no que, salvo sorpresa, o candidato de Nós Pobra será elixido alcalde, a formación comezou xa a preparar o traspaso de poderes. Xosé Lois Piñeiro mantivo varios encontros co rexedor en funcións no que abordaron un dos problemas máis urxentes: ausencia do secretario municipal. A secretaria municipal de Rianxo ocupará provisionalmente a praza da Pobra á espera de adxudicala definitivamente. As xestións realizadas polo alcalde saínte e o seu previsible sucesor permitiron dar resposta a unha das cuestións máis urxentes ante o inminente cambio de goberno. Por outra banda, Nós Pobra segue á espera de coñecer a decisión do PSOE sobre se finalmente se integrará no seu goberno. O BNG xa desbotou esta posibilidade, aínda que apoiarán a investidura de Piñeiro. Esta decisión obrigou a cambiar o esquema do futuro goberno proposto pola nova formación emerxente que propoñía un goberno de concentración, integrado polas tres forzas de esquerdas. A pesar de non acadar un pacto de goberno a intención de Nós Pobra e manter conversas co BNg de cara a establecer unha serie de puntos en común que permitan acordos puntuais para garantir a estabilidade do goberno. Ademais das roldas de contactos coas agrupacións políticas,Nós Pobra continúa coas xuntanzas participativas con distintos sectores sociais. Este xoves tocoulle a quenda á hostalerías.