Os mozos chaman á responsabilidade contra o cambio climático

    NOIA> Os estudantes dos institutos de Noia celebraron o Día Mundial do Medio Ambiente no museo do Mar. Tras dar lectura a unha carta de responsabilidades sobre políticas enerxéticas, abriuse un coloquio con expertos da Universidade de Vigo. A xornada rematou coa presentación dun proxecto sobre a Ría de Noia que será presentado no Congreso Europeo de Medio Ambiente. A mocidade ten moito que dicir sobre o futuro do planeta. Por esta razón, o proxecto Climántica pretende darlles voz a través de diversas actividades nas que os estudantes tentan remover conciencias e chamar á responsabilidade ás institucións públicas responsables das políticas enerxéticas e medioambientais. Así o fixeron dous estudantes de Noia que acudiron como delegados de Galicia á conferencia sectorial en Bruxelas. Ademais de dar lectura á carta de responsabilidades, a celebración do Día do Medio Ambiente no museo do Mar incluíu un simposio con dous expertos da Universidade de Vigo. Como colofón a esta xornada presentouse un avance do proxecto Ría de Noia, que elaboran conxuntamente os institutos Virxe do Mar e Campo de San Alberto. Este estudo que busca poñer de manifesto as consecuencias da contaminación sobre a produtividade marisqueira será presentado a finais de xuño en Lisboa, na Conferencia Internacional sobre Medio Ambiente.