O BNG fai un programa de mínimos para apoiar un presidente socialista na Deputación

PONTEVEDRA> O BNG pon condicións para dar o seu apoio na Deputación de Pontevedra. O deputado César Mosquera presentou esta mañá un programa de mínimos para condicionar o seu voto na investidura do futuro presidente da institución. Os nacionalistas queren unha Deputación máis transparente e igualitaria para esta nova etapa que, previsiblemente, terá un membro do Partido Socialista á súa fronte.

 

Un cambio profundo pola equidade e a transparencia. Así titula o BNG o seu programa de mínimos para a Deputación de Pontevedra. Na lista recollen as liñas vermellas que terá que cumprir quen queira contar co apoio dos nacionalistas na investidura. Se as negociacións falan da entrada do Bloque no goberno, haberá máis condicións.

Reducir o presidencialismo da Deputación ou que nin Pontevedra nin Vigo entren nos seus plans xenéricos e teñan que negociar convenios bilaterais coa institución, son algunhas destas liñas vermellas. Tamén reducir o caciquismo que os nacionalistas denuncian no funcionamento do goberno provincial.

Sobre as conversas para chegar a acordos coas outras formacións, Mosquera recoñeceu que xa houbo chamadas, aínda que non encontros formais. Si apuntou a hipótese máis probable: que os nacionalistas dean o seu apoio ao candidato que presente o PSOE, independemente de quen sexa.

Mosquera apuntou tamén que con esta lista de propostas o BNG convértese no primeiro partido en elaborar un programa para a xestión da Deputación provincial.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/08/mosquera_bng_deputacion.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/08/mosquera_bng_deputacion.mp4{/flowplayer}