Pontevedra proxectará unha remodelación integral da praza de Barcelos

PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra proxectará unha remodelación integral para a praza de Barcelos. A intención é actuar tanto no interior da praza como na súa contorna, facendo un espazo máis acorde coa súa contorna. Máis aínda cando se veñen de dar por rematadas as obras na rúa do Rouco.

A praza de Barcelos está no punto de mira do concello de Pontevedra. A intención do goberno local é levar adiante unha reforma integral do entorno, tanto do seu interior como do pavimento que a rodea.

A decisión está tomada pero polo de momento o goberno local non se marca prazos para levala adiante.

Esta actuación sumaríase ás intervencións que o concello está a realizar nesta zona. Tralas obras da rúa Lepanto, tamén se da por rematada a actuación na rúa do Rouco.

Si queda pendente cumprir o compromiso adquirido sobre o transformador que se atopa no colexio de Barcelos. A intención é soterralo, medida que aínda non se tomou.

Segundo Fernández Lores, ademais da reforma da propia praza de Barcelos queda pendente a da rúa Padre Fernando Olmedo, que o concello tamén ten en mente.