Cinco familias terán que agardar para volver ás súas vivendas, afectadas polo incendio de Campolongo

PONTEVEDRA> Parte dos veciños do inmoble do barrio de Campolongo no que se declarou un incendio no mediodía de onte, continúan sen poder volver ás súas vivendas. Terán que agardar a que se realicen as peritaxes e reparacións oportunas, que poderían demorarse semanas. Mentres tanto, alóxanse con familiares ou amigos, e o concello está pendente daquelas familias que non teñen este recurso.

Arredor das 13:15 de onte declarábase un incendio no edificio nº 3 da rúa Alfonso X o Sabio, no barrio de Campolongo. Queda por determinar qué provocou o incendio e por qué se propagou con tanta rapidez, pero todo apunta a que o lume se orixinou no asador que ocupa un dos baixos do inmoble. Dende alí estendeuse pola cheminea, afectando as vivendas de 3 edificios que daban cara o patio interior da mazá.

Os bombeiros acudiron inmediatamente e os residentes do inmoble, ademais dos veciños dos números 39 e 41 da rúa María Victoria Moreno, foron desaloxados.

O lume foi controlado arredor das dúas da tarde, e procedeuse a arrefriar as instalacións e ventilar as  vivendas. Os traballos de extinción e refresco remataron en torno ás 17:15 horas. Ningunha persoa resultou ferida e progresivamente permitiuse volver ás vivendas a parte dos  veciños.

Os que tiveron que ser realoxados foron os residentes do bloque D, que aínda terán que agardar para volver ás súas casas.

Foron 6 as vivendas máis afectadas, e 5 as familias realoxadas. 4 o fixeron con familiares e amigos, mentres que unha 5ª, de 6 membros, foi aloxada nun hotel polo Concello. Tamén foi desaloxado o bar do baixo lindeiro a onde se orixinou o incendio.

O Concello xa deu orde ós Servizos Sociais para que estean pendentes por se houbera que buscar aloxamento de emerxencia para os afectados.