Miguel Paz é investido alcalde en Noia co apoio de NO.I.A, BNG e Marea

    NOIA> No seu discurso de investidura apelou á unidade para poñer a Noia no lugar que lle corresponde. Xunto a Muros, o outro punto de atención nesta comarca estaba centrado en Noia. A sesión de investidura viviuse con gran expectación, sendo numerosos os veciños que se achegaron ata a casa consistorial para vivir este momento. Aquí non houbo sorpresas e tal e como estaba previsto, o socialista Miguel Paz foi elixido alcalde, grazas ó apoio de Noieses Independentes Agrupados, Marea e BNG…No seu discurso, despois de recoller o bastón de mando do seu antecesor no cargo, o tamén socialista Rafael García Guerrero, agradeceu os apoios das distintas formacións que lle posibilitaron chegar á alcaldía. No mesmo día do seu cumpreanos, coincidencias da vida, facía unha chamada a unidade. Caras tristes na bancada popular, que a pesar de ser a forza máis votada quedouse ás portas da maioría absoluta, polo que seguirán catro anos máis na oposición. O PSOE noiés deberá gobernar en minoría, en coalición co NOIA. Non será sinxelo, con tan só seis edís dunha corporación de dezasete, polo que necesitará acadar acordos puntuais co resto das forzas que o respaldaron na súa investidura. En Porto do Son Luís Oujo repetirá catro anos máis como alcalde despois de acadar nas urnas o respaldo maioritario dos seus veciños. no seu discurso fixo alusión á enorme responsabilidade que terá neste mandato. En Outes repetirá o veterano Carlos López Crespo na que é xa a súa sexta maioría absoluta, e en Lousame, Teresa Villaverde, quen se comprometeu a gobernar estes próximos catro anos con lealdade absoluta, primando sempre, por riba de ideoloxías políticas, o interese xeral dos veciños.