OUTES> O obxectivo é cambiar o modelo de xestión do lixo que actualmente se realiza en Sogama apostando polo seu tratamento na planta de reciclaxe de Servia en Lousame.
Outes é na actualidade o único concello do Barbanza adherido a Sogama. Coa aprobación da moción, presentada polo BNG, iniciaranse as consultas sobre a viabilidade de integrarse na mancomunidade Serra do Barbanza que xestiona o tratamento do lixo na planta de reciclaxe de Servia, emprazada en Lousame.
Ademais das súas vantaxes a nivel medioambiental, este modelo de xestión de residuos suporá ,segundo os nacionalistas, unha redución dos custos pola súa proximidade así como unha aposta decidida pola creación de emprego na comarca.
A moción saíu adiante co apoio de tódolos grupos da corporación agás o goberno que optou pola abstención tras incluír unha emenda na que solicitaban realizar as consultas previas para coñecer en detalle as condicións da incorporación do municipio á mancomunidade.