A flota de artes menores confía nun aumento da potencia para a súa regularización

    RIBEIRA> Os problemas no proceso de regularización das embarcacións de artes menores non son novos. Hai tempo que os mariñeiros veñen reclamando que se incrementen os cabalos dos motores no decreto que regula esta flota xa que a maioría presentan maior potencia da permitida. A regularización da flota de artes menores cobra especial relevancia en confrarías como as de Aguiño ou Ribeira onde o noventa por cento das embarcacións non poden acollerse á norma. Na actualidade, os motores para os barcos de seis metros non poden exceder os noventa cabalos. Potencia insuficiente para garantir a seguridade nas difíciles condicións en que se ven obrigados a traballar en moitas ocasións. A pesar das dificultades para que Bruxelas amplíe a potencia permitida nos motores, a flota galega foi dando pasos. Nunha recente xuntanza co secretario xeral de Pesca obtiveron o compromiso de buscar solución ó problema. Saben que non é doado pero confían en que o Ministerio estableza unha medida intermedia para os afectados. Mentres tanto, un grupo de mariñeiros iniciou unha campaña de recollida de sinaturas para crear unha plataforma que promova a adecuación da norma á necesidades reais da flota. Dende a directiva da confraría prefiren agardar a que as administracións cumpran os prazos comprometidos. De non ter resposta non descartan adoptar medidas de presión nun futuro.