Os estibadores e as consignatarias piden un cambio de emprazamento para a zona de almacenaxe de contedores

BARBANZA> Estibadores e empresas consignatarias que desenvolven o seu traballo nos portos comerciais da Pobra do Caramiñal e Ribeira mostraron esta mañá o seu malestar pola decisión de Portos de Galicia de instalar no espazo portuario unha zona de almacenaxe de contedores. Consideran que a actuación prexudicaría a súa actividade, poñendo en serio risco o futuro de ó redor duns setecentos traballadores.

A proposta de Portos de Galicia de operar con contedores de grandes dimensións nos peiraos da Pobra do Caramiñal e Ribeira pon en xaque ós estibadores e ás empresas consignatarias que operan nestes dous portos. Non se opoñen a actividade en si, pero si ó seu emprazamento, pois consideran que prexudicaría a súa actividade diaria, xa que se reduciría a súa zona de traballo, o que  ralentizaría a descarga, polo que serían menos competitivos con outros peiraos, poñendo en serio risco o futuro dunhas setecentas persoas.

Non descartan emprender mobilizacións se Portos de Galicia non rectifica e plantexa unha nova ubicación para os recintos de contedores refrixerados que serán empregados para almacenaxe.

O BNG vén de interesarse tamén por este asunto. Os nacionalistas anunciaron que levarán ó Parlamento varias iniciativas pedindo explicacións á consellería do Mar por esta concesión, que conlevaría á privatización dun espazo da zona portuaria. Tamén se preguntan si se tiveron en conta as repercusións que puidera ter para o resto da actividade. Entre outras cuestións, piden a rectificación deste proxecto, para que se prime polo ben colectivo e non en beneficio dunha soa empresa.