Varela revisa cos praceiros o proxecto para praza de abastos de Fole

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/26/agtamar_mercado.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/26/agtamar_mercado.mp4{/flowplayer}

 

VILAGARCÍA> O novo goberno de Vilagarcía non descarta realizar cambios no proxecto do executivo de Tomás Fole para renovar a praza de abastos. Alberto Varela xa mantivo un encontro cos praceiros para recoller as súas propostas e valorar as posibles modificacións aos plans, que provocaron fortes tensións entre o anterior alcalde e os vendedores.

Alberto Varela abre a porta a modificar o proxecto de reforma da praza de abastos que elaborara o seu predecesor no cargo. A reforma proposta por Tomás Fole contou cunha forte oposición entre os praceiros, que o acusaron de ignorar as verdadeiras necesidades.

Segundo os cálculos do anterior goberno, os traballos requirirían  dun orzamento de 745 mil euros, cunha achega da Xunta. Para non perder os fondos autonómicos, a revisión do proxecto non se pode demorar.

Parte das suxestións dos praceiros están recollidas nun plan estratéxico que esta tarde presentaron ao goberno local. As posibles reformas mestúranse con ideas para promocionar a praza de abastos, como a realización de obradoiros e xornadas de degustación.

A instalación dun aparcadoiro para as bicicletas, a convocatoria dun concurso nas escolas para o deseño dunha mascota ou a entrada nas redes sociais, son algunhas das medidas que propoñen para mellorar a súa actividade.

Outra das suxestións xa é unha realidade: a creación dunha páxina web. A praza de abastos de Vilagarcía presentou esta mañá o seu portal, no que o usuario poderá consultar todas as ofertas e actividades que se organicen no mercado.