RIANXO> A cita deportiva, organizada polo Club de Montañismo Vintedous Pés Barbanza, contará cunha participación dunhas 250 persoas. Por segundo ano consecutivo Rianxo será sede da segunda das probas do Calendario do Open de Andainas de media distancia – 2018 da Federación Galega de Montañismo despois da celebrada o pasado 18 de marzo en Guláns, en Ponteareas. A cita está programada para o próximo 30 de setembro, con saída prevista dende a área recreativa de Campo Maneiro en Taragoña, ás nove da mañá. A andaina, organizada polo colectivo Vintedous Pés, terá dúas distancias, as dúas de nivel medio, unha de 15 quilómetros e outra de 25, que discorrerán por espazos emblemáticos do Concello como poden ser Castro Barbudo ou o entorno do río Té. Na organización da proba colabora tamén o concello de Rianxo, que ve neste tipo de citas, con gran auxe nos últimos anos, unha boa fórmula de dar a coñecer o municipio. Dende a organización estiman unha participación na proba de preto dunhas 250 persoas. As inscricións poderán realizarse ata o próximo día 26 de setembro a través da páxina de Championchip. O prezo será de nove euros para atletas federados e de doce para o resto de participantes.
Inicio BARBANZA