Portos promociona a oferta náutica galega en Irlanda

    PORTO DO SON> Portos de Galicia segue a traspasar fronteiras na promoción da oferta náutico recreativa da comunidade. Desta volta, foi Irlanda o país escollido para dar a coñecer a excelencia das instalacións dos portos deportivos. Galicia e Irlanda estreitan lazos grazas á ruta náutica que os une. Cada ano máis navegantes irlandeses se animan a realizar este percorrido, de entre catro e cinco días de duración, atraídos pola ampla oferta náutica de que dispón a nosa comunidade. Aproveitando o tirón do Camiño de Santiago, Portos de Galicia realizou unha serie de campañas promocionais en Dublín e na rexión de Cork para darse a coñecer nun mercado que consideran estratéxico. Nesta labor contan coa inestimable axuda de Peter Heyden, un navegante irlandés namorado das rías galegas quen proporcionou a rede de contactos para que Portos de Galicia e a secretaría xeral de Turismo levaran ata Irlanda a oferta náutica da comunidade. Trala boa acollida desta campaña, a intención de Portos é incrementar o número de navegantes estranxeiros que, cada vez máis, recalan en Galicia atraídos pola excelencia das súas instalacións, recoñecidas a maioría con distintivos de calidade, e pola súa situación xeoestratéxica.