SANXENXO> O Portonovo Gastronómico segue medrando. 21 establecementos, dous máis ca o ano pasado, participan este ano nesta cita impulsada polo Concello de Sanxenxo. Na ponte do 1 de maio, a localidade ofrecerá unha completa variedade de tapas, todas elas coa raia como protagonista. Ademais, salienta tamén o reforzo da programación paralela, co regreso do Raia Rock, un concerto de Treixadura ou un festival de baile con varias agrupacións locais.
Na ponte festiva do primeiro de maio Portonovo acende os seus fogóns para presumir do seu bo facer gastronómico. A localidade acolle unha nova edición da súa renovada Festa da Raia, con protagonismo absoluto para os locais hostaleiros da zona.
As 21 propostas teñen como ingrediente común a emblemática raia. Ofertaranse a cinco euros entre o 1 e 3 de maio.
Máis alá da parte gastronómica, o concello de Sanxenxo reforzou a programación paralela, con actividades culturais e de lecer. Apostando desta volta por pechar ao tráfico Rafael Picó.
O espazo incluirá tamén unha zona infantil con xogos tradicionais e outra zona para as actuacións musicais. Nese apartado, salienta o regreso do Raia Rock o 1 de maio.
O sábado día dous haberá un concerto de Treixadura, na mesma xornada na que está previsto tamén un festival de baile tradicional e cantos de taberna con varias formacións locais. O domingo amenizará a sesión vermú Cantos da Terra. Durante os tres días de Portonovo Gastronómico haberá tamén animación de rúa, cos Festicultores, Fanfarria Furruxa, Lembranzas e Os Gatiños de Portonovo.











