Os distintivos de calidade xa ondean no Náutico de Cabo de Cruz

    BOIRO> A bandeira azul e a de Q de Calidade xa locen no porto deportivo de Cabo de Cruz. Estes dous distintivos poñen de manifesto a excelencia dos servizos que ofrece o Club Náutico da localidade que aglutina un importante tráfico internacional de embarcacións. O Club Náutico de Cabo de Cruz pode presumir xa de contar cos máximos expoñentes de calidade. O presidente de Portos de Galicia achegouse ata as súas instalacións para participar no izado da bandeira azul e da Q de calidade. José Juan Durán quixo recoñecer o mérito da directiva do club náutico que tan só tres anos despois da súa creación converteuse nun porto de referencia dos tránsitos internacionais. Neste sentido, o titular de Portos destacou o importante labor de promoción desenvolvido dende o concello de Boiro e dende o propio ente autonómico, con presenza nas principais feiras internacionais do sector. Labor que terá continuidade nos próximos meses coa apertura da náutica galega a novos mercados.