‘Nunca Máis’ aposta pola renovación das políticas forestais

    BARBANZA > A catástrofe provocada polos incendios está a xerar diversos movementos sociais entre a poboación que quere manifestar o seu malestar ante a destrución dos montes galegos. Dentro destas propostas, volve tomar protagonismo a plataforma ‘Nunca Máis’ xurdida a raíz do desastre do Prestige que, nesta ocasión, pretende tomar partido contra o que cualifican de ‘terrorismo incendiario’. O primeiro dos seus actos será a celebración dunha manifestación en Santiago.

    Os membros da plataforma ‘Nunca Máis’ no Barbanza fixeron un chamamento a toda a poboación da comarca para asistir á concentración na alameda compostelá. O lema desta manifestación ‘Galiza contra o lume’ resume perfectamente o obxectivo desta asociación que, por un lado, pretende facer fronte a esta nova tipoloxía de incendios intencionados en cadea que cualifican de ‘terrorismo incendiario’ e por outro, considera preciso un cambio nas políticas que se aplican no monte galego. Neste punto, ademais dunha reconsideración da política forestal, cren preciso unha revisión das actuacións que afectan a outros sectores relacionados co monte como o agrogandeiro ou o turísitco. Deste xeito, poderían poñerse en valor os nosos montes, en lugar de ter practicamente abandoado un sector produtivo de gran importancia económica para toda Galicia. Así mesmo, esta catástrofe afectaría indirectamente a outro dos principais sectores produtivos da comunidade, como é o marítimo, posto que o arrastre dos residuos queimados a causa das chuvias podería afectar negativamente ó ecosistema mariño.

    ‘Nunca Máis’ considera fundamental sensibilizar a toda a cidadanía para traballar en conxunto contra os lumes. A pesar das graves consecuencias derivadas da vaga de incendios, a plataforma valora positivamente a xestión do goberno da Xunta e sostén que existían os mesmos medios que en anos anteriores pero a gravidade da situación desbordou calquera previsión. Así mesmo, os representantes barbanzáns de Nunca Máis destacaron a transparencia informativa con que se está a desenvolver estar crise a diferencia do obscurantismo con que xestionaron outras catástrofes gobernos anteriores.

    Redacción Barbanza