O Félix Muriel promoverá o uso do galego entre os empresarios de Rianxo

    normalizacionlinguistica_100_010208.jpgRIANXO > Os responsables do equipo de Normalización Lingüística do IES Félix Muriel deron a coñecer a súa programación para o presente curso.

    O equipo de Normalización Linguística do IES Félix Muriel converteuse en todo un referente na dinamización da lingua galega en tódolos ámbitos. E é que máis aló do eido estrictamente académico, os profesionais que integran este departamento, están a estender as súas áccións a outros ámbitos da vida social e profesional do municipio.

    No marco da programación do pasado curso, deseñouse unha campaña destinada ó sector empresarial de Rianxo que terá continuidade ó longo deste ano. Entre o material editado, figuran carteis de tamaño DIN A3 a color e adhesivos, co lema Vendendo ou mercando, galego imos falando que se distribuiron por diversos establecementos comerciais, grazas á colaboración de dous comerciantes da vila, e a asociación rianxeira de empresarios.

    Pero esta campaña é só unha iniciativa máis na ampla actividade do equipo de normalización lingüística do Félix Muriel, integrado por profesores e alumnos voluntarios que ocupan o seu tempo libre, de forma voluntaria, no aprendizaxe e dinamización da lingua.

    Intercambios culturais

    Ademais da edición de diversas publicacións como revistas e trípticos informativos, o equipo de normalización linguística organiza durante todo o ano charlas e conferencias, actuacións e mesmo un intercambio con alumnos doutros centros de Galicia que acuden a Rianxo para achegarse á tradición cultural e literaria do municipio.

    A traxectoria do equipo de normalización lingüística do centro rianxeiro na súa aínda curta existencia xa foi merecedora de diversos recoñecemento, non só a nivel interno, senón que foi distinguida pola secretaría xeral de política lingüística da Xunta de Galicia co premio ó mellor proxecto da comunidade e acaba de conseguir os fondos necesarios para a creación dun club de lectura.

    {flowplayer}normalizacionlinguistica.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza