O concello de Boiro oficializa o seu apoio ó Encontro de Embarcacións Tradicionais

    BOIRO> Todo listo en Cabo de Cruz para acoller o decimo segundo Encontro de Embarcacións Tradicionais. Esta mañá, a organización e o concello de Boiro oficializaban o convenio para a celebración do evento que reunirá na localidade a cento cincuenta embarcacións. A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e o concello de Boiro formalizaban con esta sinatura o acordo para a celebración do encontro de embarcacións tradicionais para o que o concello achega vinte e cinco mil euros. Pero o compromiso do ente municipal vaio moito máis aló da achega económica xa que sen a dotación humana e infraestruturas sería imposible a celebración deste evento. O esforza da asociación A Gamela que conseguiu implicar a todo o pobo na organización do décimo segundo encontro queda de manifesto no amplo programa de actividades que encherán Cabo de Cruz ata o domingo. Tamén o apoio de Xunta e Deputación e o patrocinio de empresas e colaboradores privados que posibilitaron que finalmente fose a localidade crucense a elixida para acoller este evento que ten como último fin a trasmisión de todo este patrimonio inmaterial a futuras xeracións. O éxito do encontro está garantido coa presenza de máis de cento cincuenta embarcacións procedentes maioritariamente de Galicia pero tamén doutros puntos de España e Europa. trátase dunha das edicións con maior afluencia xa que as dúas anteriores non superaron o cento de barcos.