Rescatan ós tres tripulantes dun pesqueiro afundido en Corrubedo

    naufraxiocorrubedo100.jpgRIBEIRA> O pesqueiro Nuevo Sideral, con base no porto de Ribeira, afundía este luns a dúas millas ó noreste do Cabo Corrubedo.

    {flowplayer}barbanza/naufraxiocorrubedo.flv{/flowplayer}

    A primeira hora da mañá, Salvamento Marítimo recibía o aviso dunha embarcación que se atopaba en perigo fronte á costa de Corrubedo. Inmediatamente, o centro de coordinación puxo en marcha o dispositivo de rescate mobilizando ó Helimer 210 e á embarcación de intervención rápida Salvamar Regulus, ó tempo que trasmitiu o aviso ós bacos que se atopaban traballando na zona. Finalmente, foi o pesqueiro ‘Halcón 2’ coa axuda do ‘Río Sieira’ quen conseguiu evacuar ós mariñeiros.

    O patrón da embarcación, Carlos García, e os dous mariñeiros foron trasladados ata o porto de Porto do Son onde unha ambulancia desprazounos ata o hospital do Barbanza aínda que só un deles presentaba síntomas de hipotermia.

    Polo momento descoñécense as causas que provocaron o sinistro aínda que todo apunta a unha vía de auga por mor do forte temporal no mar.

    Afortunadamente todo quedou nun susto e a pesar de que non foi posible reflotar o barco, os tres tripulantes, dous de Ribeira e un da parroquia sonense de Queiruga, descansan nas súas casas recuperándose da dramática experiencia.

    Redacción Barbanza