A demanda contra Naturgy e Elecnor non foi admitida a trámite

RIANXO>  O Xulgado argumenta a súa decisión en que a Plataforma pola Defensa do Monte debe fixar unha contía a reclamar polos danos causados no incendio de marzo de 2019. Cabe lembrar que lume afectou a preto das mil hectáreas de monte propiedade de diversas comunidades da zona e particulares.

O Xulgado de Primeira Instancia Número 3 de Madrid vén de notificarlle á Plataforma pola Defensa do Monte a non admisión a trámite, nos termos inicialmente formulados, da demanda presentada polas comunidades de montes de Araño, Asados, Burés, Isorna e Leiro, así como tamén máis de medio cento de particulares, contra as empresas Naturgy e Elecnor, pola súa responsabilidade nos lumes de marzo de 2019.

O Xulgado cuestiona o carácter indeterminado da contía do valor a reclamar polos efectos do lume.

Para os membros da Plataforma esa debe ser precisamente a materia a esclarecer no procedemento, xa que esa cuantificación é precisamente o obxecto e o sentido da súa reclamación.

Dende o colectivo entenden que con esa decisión o Tribunal condiciona claramente o procedemento, xa que o cambio de cualificación que lles require implicaría dimensionar o proceso a unha escala cuxas costas resultarían para eles inasumibles.

Ante esta situación, a Plataforma xa anunciou que presentará un recurso de reposición no que se reafirmarán na orientación da súa demanda, aínda a risco de que sexa desestimada e poida ser arquivada polo dito Xulgado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí