Falece unha veciña de Ribeira na praia de Coroso

    RIBEIRA> O inicio da tempada de verán no Barbanza arranca coa triste nova dunha vítima mortal nos seus areais, Trátase dunha muller de sesenta e tres anos que falecía a pasada tarde na praia de Coroso. Aínda que a vítima apareceu flotando na auga, semella improbable que se tratase dun afogamento dadas as condicións do mar que fan de Coroso un areal moi seguro. Consternación en Ribeira ante a morte de Mari Carmen Martínez, unha veciña da avenida das Carolinas que falecía a pasada tarde na praia de Coroso, a tan só uns metros da súa vivenda. Uns bañistas que se atopaban o areal foron os que deron a voz de alarma ó observar o corpo da muller flotando boca abaixo. Eles mesmos trasladárona ata a area e practicáronlle técnicas de reanimación á espera da chegada dos servizos sanitarios que tan só puideron certificar o falecemento. O suceso causou enorme expectación no areal e nas súas inmediacións xa que ata a zona desprazouse o helicóptero do 112. Malia que se trata dunha praia segura é recomendable extremar as precaucións, especialmente en aqueles areais que aínda non contan con servizo de socorrismo como acontece en varios concellos da comarca.