A POBRA> Catro asociacións patrimoniais denuncian a suposta desprotección da Torre de Bermúdez. Nun escrito conxunto remitido á Consellería de Cultura piden a retirada da terraza dun local hostaleiro que se atopa ó seu carón.
As catro asociacións (A Forneiriña, Anovaterra, Illa de Tambo e Umia Vivo) remitiron un escrito conxunto á Consellería de Cultura demandando maior protección para a Torre de Bermúdez na Pobra.
Critican a colocación da terraza dun local hostaleiro que non respecta ás distancias mínimas con este edificio do século XVI declarado Monumento Histórico Artístico. Ademais da acumulación de mesas que limitan o paso pola vía pública, critican a presenza de parasoles que dificultan a percepción do Ben de Interese Cultural así como a instalación dun panel de metacrilato que limita o acceso á rúa e o uso como zona de tapeo do peche perimetral da torre.
Dende o concello defenden que se trata de usos totalmente compatibles, tal e como acontece noutras zonas de especial protección patrimonial como pode ser a catedral de Santiago. Recoñecen a existencia de problemas puntuais de accesibilidade motivados polo incremento da capacidade das terrazas derivadas da pandemia que se solucionaron sen maiores incidencias.
O alcalde pobrense recalcou que o concello está vixilante no cumprimento da normativa tanto en materia de accesibilidade como no consumo de bebidas fóra dos locais.
Xosé Lois Piñeiro amosou tamén a súa sorpresa ante o feito de que a denuncia partira de asociacións que non son da zona polo que pode que descoñezan a realidade do monumento e da súa contorna.