O ‘Rúas Vivas’ volverá encher de cultura o verán de Noia

    NOIA> Concello e Noia Histórica porán en marcha unha nova edición do programa Rúas Vivas que encherá a vila de actividades durante os meses de xullo e agosto. Cine, música, teatro e monólogos compoñen a programación que ofrece eventos practicamente cada día. A colaboración entre Noia Histórica e o concello ten como resultado unha nova edición do programa rúas Vivas que busca dinamizar o tecido empresarial da vila a través da cultura. Baixo esta premisa, o casco histórico acollerá cada día alomenos unha actuación. Os mércores dedicaranse ó cine ó aire libre, o xoves á música e os venres ós monólogos, un formato con cada vez maior aceptación. No programa incluiranse tamén actividades enmarcadas na rede cultural da Deputación da Coruña ou conveniadas co observatorio astronómico da Universidade de Santiago. Tamén, por primeira vez, se integrarán no Rúas Vivas, as visitas guiadas de Noia Histórica. A programación complétase cunha actuación de malabares e Circo Novo o 19 de agosto e a segunda edición do festival de arpa que se celebrará en o catro e o seis de agosto na vila.