A DOP Mexillón de Galicia duplica as vendas de molusco certificado

    BARBANZA> O Balance Anual da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia non pode ser máis satisfactorio. Durante o 2014 duplicáronse as certificacións cun máis de trinta e tres millóns de quilos de mexillón certificado nos portos da comunidade. A pesar dos tres peches administrativos que debeu afrontar o sector miticultor ó longo de 2014, os resultados da DOP Mexillón de Galicia avalan a tendencia ascendente desta marca. En total, certificáronse trinta e tres millóns de quilos de molusco, fronte ós 16´7 de 2013. A industria transformadora absorbeu o noventa por cento do produto o que evidencia a aposta, cada vez maior, do mercado da conserva pola denominación de orixe como diferenciadora da calidade. O mexillón destinado ó mercado fresco tamén se duplicou neste exercicio, superando os tres millóns de quilos. En termos económicos, as vendas de mexillón certificado supuxeron uns ingresos ós quince millóns de euros. Os bos resultados son froito das campañas promovidas polo Consello Regulador da DOP para fomentar o consumo de mexillón galego que propiciaron a entrada do produto en máis de mil cincocentos puntos de venda. Ademais no 2014, o Consello Regulador creou un directorio de marcas respondendo á demanda de empresas alimentarias que, sen ser elaboradoras, comezaron a comercializar o mexillón con denominación de orixe producido por empresas certificadas. Na actualidade, estanse a tramitar sete solicitudes de inscrición que se sumarían ó rexistro existente de bateas e empresas adheridas á denominación de orixe. Para garantir a máxima calidade e trazabilidade do produto, o consello realizou en 2104, once mil controis dende as fases de cultivo ata a elaboración final.