Cambados dá máis peso aos grupos galegos e da vila no programa do Albariño

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/07xullo/10/festa_albarino.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/07xullo/10/festa_albarino.mp4{/flowplayer}

 

CAMBADOS> O concello de Cambados apura os preparativos para a Festa do Albariño. A nova corporación deu hoxe máis detalles sobre o programa que as amenizará e que contará cunha forte participación de agrupacións e conxuntos locais, para pór música e animación aos días do Albariño. Treixadura e Mario Vaquerizo coas súas Nancys Rubias, tamén se deixarán caer por Cambados. O prato forte das actuacións, para o venres 31, aínda é un segredo.

Durante a semana do Albariño, a praza de Fefiñáns e a do concello acollerán actuacións cada día, ademais das charangas que se encargarán de animar as rúas.

O venres 24, o concerto da Máxima FM na zona do Pombal dará o pistoletazo de saída ao programa, marcado pola forte presenza de conxuntos galegos e cambadeses. O 29, o Festival do Albariño contará coa actuación de Sés. Ao día seguinte, será Treixadura quen tome a praza de Fefiñáns. Para o 31 agárdase o prato forte. Está confirmado, pero aínda é un segredo.

O sábado tampouco quedará atrás. Tamén en Fefiñáns farán parada Mario Vaquerizo e as Nancys Rubias, que chegan a Cambados cun compromiso engadido.

Co programa pechado e co novo cartel presentado hoxe, aínda queda por decidir onde se fará a investidura dos cabaleiros do Capítulo Serenísimo. O concello xa levou á subdelegación do goberno en Pontevedra un dossier coas medidas de seguridade necesarias para movelo dende o patio de armas do Pazo á praza de Fefiñáns. De recibir a aprobación, só quedaría o visto bo do Capítulo.

Este ano a nova corporación tamén mantén o tradicional xantar de confraternidade. Aínda descoñecen o número exacto de invitados á comida, pero insisten en que a súa intención é aforrar. De feito, os menús baixarán de 50 a 40 euros, e tanto os concelleiros como a alcaldesa aboarán a súa comida.