Ruíz logra aprobar os salarios do goberno tras rebaixalos nun 4 %

    BARBANZA> Agora si. O executivo ribeirense conseguir sacar adiante a súa proposta de retribucións de concelleiros e persoal de confianza tras rebaixar nun catro por cento os salarios plantexados inicialmente. A abstención de IPdeR e PSOE conseguiu desbloquear o acordo que non fóra posible na sesión celebrada a pasada semana. Malia que chegaron á sesión celebrada este mediodía sen acordo previo, a corporación ribeirense aprobou finalmente a proposta de retribucións do goberno. O PP presentou unha proposta modificada cun aforro do catro por cento con respecto á inicial rebaixando os salarios do alcalde a tenente de alcalde e dous cargos técnicos. Os grupos criticaron a demora con que o alcalde presentou a proposta xa que, segundo o voceiro socialista, a recibiron esta mesma mañá. Sen embargo, foi precisamente a abstención do grupo socialista e de IPdeR a que permitiu sacar adiante a proposta que mantén os tres cargos de confianza: a secretaria, o coordinador de servizos sociais e un gabinete de prensa. Ademais do seu grupo, Ruíz contou co voto favorable da ex edil popular e actual integrante do grupo mixto Lola Elorduy. Non foi quen , pola contra, de sumar os apoios de Ciudadanos nin do BNG que propoñían un aforro moito maior coa eliminación de varios cargos. A voceira popular defendeu a necesidade dos cargos de confianza incluídos na Relación de Traballadores e valorados por persoal independente. Pola súa banda, o alcalde amosouse satisfeito de ter chegado a acordo para garantir a gobernabilidade do concello e defendeu a viabilidade da súa proposta que supón menos do un por cento do orzamento municipal. Neste sentido, Manuel Ruíz lembrou que un concello como Ribeira podería contar con dez dedicacións e sete cargos de confianza, segundo criterios poboacionais.