RIBEIRA> Tódolos concellos do Barbanza sumáronse á conmemoración do 25N con distintas actividades. En Ribeira, os alumnos de 1º da ESO construíron un muro contra a violencia mentres que en Boiro elaboraron pezas musicais pola igualdade.
Un ano máis, os mozos foron os principais protagonistas da conmemoración do 25 no Barbanza. En Ribeira, os alumnos de 1º da ESO elaboraron cos seus propios lemas as pezas que compoñen este muro en contra da violencia.
Os actos continuaron na Praza do concello coa lectura dun manifesto a cargo de representantes da corporación e diversas entidades. Para concluír, procederon a plantar unha oliveira en lembranza das vítimas da violencia machista.
En Boiro, a música foi o eixo condutor duns actos nos que os estudantes de secundaria exhibiron as pezas musicais elaboradas nos obradoiros de creación musical pola igualdade. Gardouse tamén un minuto de silencio e procedeuse á apertura dunha exposición que repasa os fitos máis destacados no longo proceso de loita feminista na procura de igualdade de dereitos.











