Un cento de postos converterán Porto do Son nun poboado celta

    PORTO DO SON> Máis de cen postos conformarán a Feira Celta que se celebrará en Porto do Son entre o 24 e o 26 de xullo. A organización, nesta cuarta edición, corre a cargo da empresa especializada Balconetit, da que destacan os espectáculos de animación. Non hai dúbida de que a Feira Celta é unha das citas estivais máis consolidadas da comarca. Os veciños e visitantes que por estas datas se achegan a Porto do Son implícanse na celebración festiva ataviados conforme á época facendo que a vila retorne ó seu pasado celta. O éxito que cada ano ven colleitando a feira fixo que a organización incrementara unha rúa para a instalación de postos que este ano chegarán ós cen. A feira abrirá as súas portas o venres día 24 ás cinco da tarde. A partir de entón, infinidade de actividades e espectáculos farán desfrutar a tódolos asistentes. Ademais da inmellorable animación de rúa, obradoiros e exhibición de oficios tradicionais destaca o gran espectáculo nocturno ‘Lume’ que terá lugar o sábado pola noite. Dende o concello animan ós veciños a sumarse á feira e imbuírse no espírito celta que durante os tres días inundará a vila sonense.