Rianxo volve a saír á rúa pola falla de persoal no centro de saúde

RIANXO> Un nutrido grupo de veciños de Rianxo volveu a concentrarse, a última hora da tarde de onte, ás portas do centro de saúde da localidade para protestar contra os recortes que, de xeito continuo, se están a dar no dispensario.

A protesta partiu dende Rianxo en Común, formación que dende hai tempo vén recollendo o malestar da veciñanza da vila por esta situación.

Non é a primeira vez que Rianxo en Común organiza unha protesta deste tipo, para denunciar os recortes que se producen no centro de saúde da localidade e esixir a cobertura, por parte do SERGAS, das baixas e vacacións do persoal médico que traballa no dispensario.

Dende a formación entenden que a sanidade pública é un dereito que se está a ver ameazado polas políticas de recortes que se están a levar a cabo dende a Xunta, algo que non están dispostos a consentir.

Ademais aproveitouse a concentración, para presentar novas reclamacións por escrito, e así denunciar a grave situación que se está a dar neste centro de saúde dende hai meses.