A Pobra aspira a recuperar as súas bandeiras azuis

    POBRA> O concello da Pobra remitiu un escrito a ADEAC solicitando a recuperación das bandeiras azuis para as praias de Cabío e A Illa. Os areais contarán con socorristas a partir desta fin de semana trala demora na súa contratación que provocou a perda dos distintivos de calidade. Malia que admiten o erro cometido por ter izado a bandeira azul sen contar con tódolos servizos, o goberno pobrense considera demasiado estrita a decisión da ADEAC de retirar as bandeiras azuis. Unha decisión que nin tan sequera lles foi notificada e da que tiveron coñecemento pola prensa. Trala súa chegada ó goberno o quince de xuño iniciaron os procesos de contratación priorizando o persoal de limpeza e de obras. A adaptación ás novas bases e a demora do INEM en enviar a lista de seleccionados provocou un retraso na contratación dos socorristas que finalmente comezarán a traballar este venres. Entenden que a ADEAC debe ser esixente no cumprimento dos requisitos que establece a bandeira azul pero insisten na situación particular que supón o cambio de goberno. Máxime tendo en conta que se teñen rexistrado situacións similares como no ano 2012 cando os socorristas non se incorporaron ata a segunda quincena de xullo. Por esta razón, xa remitiron un escrito á ADEAC solicitando unha nova inspección que permita a recuperación das bandeiras. Á marxe das circunstancias especiais que provocaron a demora nas contratacións, dende o goberno recoñecen que non deberían ter izado a bandeira senón solicitar unha prórroga por escrito para a dotación do servizo de socorrismo.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí