As vilas mariñeiras volven facer gala da súa devoción pola Virxe do Carmen

    RIBEIRA> Día grande para os mariñeiros que renden homenaxe á súa patroa. Toda Arousa volcouse na celebración do Día do Carme con actos relixiosos e festivos que tiveron a súa culminación nas tradicionais procesións marítimas. Como cada dezaseis de xullo, os mariñeiros saen ó mar pero non para traballar senón para render homenaxe á súa patroa. Son moitas as localidades que celebran procesión marítima na honra da Virxe do Carmen. Unha das máis destacadas e concorridas é a de Aguiño que esperta o interese de visitantes chegados de diversos puntos de Galicia e España. Os que están fóra tamén aproveitan estas datas para pasar en familia e asistir a unha das tradicións máis arraigadas na cultura deste pobo mariñeiro. Non foi esta a única imaxe da virxe mariñeira que percorreu a ría. Outras localidades, como Muros ou Cabo de Cruz, saíron tamén en procesión para render homenaxe á patroa do mar.