A unidade policial de cabalería patrulla os montes do Barbanza para previr lumes

    RIBEIRA> Os axentes da sección de cabalería da Policía Nacional intensifican os seus labores na comarca do Barbanza polo alto risco de incendios que presenta. Trátase fundamentalmente de tarefas de prevención para detectar as zonas con maleza abundante e seca. Como cada ano, axentes da cabalería da Policía Nacional desprázanse ata o Barbanza para supervisar os montes no marco da operación Lume. As patrullas percorren as zonas de difícil acceso detectando os puntos de maior risco por mor da presenza de maleza. A función destes axentes é fundamentalmente a prevención sinalando as áreas máis problemáticas en colaboración cos servizos contraincendios que operan na zona. O Barbanza está catalogada como zona de alto risco. A abundante vexetación e o tempo seco e caloroso obriga a exercer un control exhaustivo que precisa dunha importante labor loxística por parte dos axentes. É a terceira vez que os axentes da cabalería participan na operación lume para previr os incendios forestais cunha valoración moi positiva ata o momento.