A Pobra reducirá a taxa dos postos do mercado ambulantes nos meses de menor afluencia

A POBRA> A corporación municipal da Pobra debaterá mañá en pleno a modificación da taxa fiscal do mercado. O novo texto introduce importantes novidades para os feirantes como o cobro por metros liñais e non cadrados ou a redución do prezo durante o primeiro e o último trimestre do ano cando se reduce a actividade.

Froito dun intenso traballo derivado de múltiples conversas e reunións cos vendedores ambulantes, a concellería de Promoción Económica da Pobra elaborou unha proposta de revisión da taxa fiscal do mercadiño que se debaterá mañá en pleno. Ademais da revisión do prezo que pasará a cobrarse por metro liña e non cadrado, estableceranse cambios na forma de pago de xeito que se aborá a final de trimestre e non por adiantado como se viña facendo ata o de agora.

A principal vantaxe que implicará a revisión desta taxa é a bonificación xeral dun 25 por cento, no primeiro e catro trimestre, que chegará ata o 50 por cento para os titulares dos postos que non acumulen débedas nos últimos catro anos.

O concello da Pobra busca así dinamizar o  mercado dos mércores, un dos máis activos da comarca, con máis dun cento de postos e gran afluencia de visitantes durante todo o ano.