RIBEIRA > Representantes dos grupos musicais manifestáronse ás portas do concello para amosar o seu rexeitamento ó rexistro de grupos municipal.
{flowplayer}barbanza/manifamusicos.flv{/flowplayer}
O pasado dous de abril, os concelleiros de Xuventude e de Cultura de Ribeira, presentaban o rexistro municipal de grupos de música como unha iniciativa novidosa con infinidade de vantaxes para os novos creadores.
Un mes despois, e tras examina-las súas bases, os grupos ribeireses decidiron saír á rúa para protestar contra un regulamento que consideran ‘obsoleto, ditatorial e que tan só favorece ó concello sen ningún beneficio para os músicos’.
E fixérono da mellor das maneiras: con música. Tras interpretar varias pezas musicais e colocar unha pancarta de protesta ás portas da casa consistorial, os músicos procederon á lectura dun manifesto no que explican as razóns da súa oposición ó rexistro.
Multas
Os grupos locais lembran que, durante moitos anos, foron ignorados polo goberno que non concedía ningunha subvención para desenvolver o seu traballo. Pola contra, denuncian que o único interese do executivo polos músicos, ata o de agora, foi ‘multalos por tocar na ruá tratándoos como delincuentes’.
As principais críticas dos músicos refírense a varios puntos contemplados nas bases que establecen unha actuación gratuíta anual para o concello, a inclusión do selo municipal dos traballos publicados e mesmo un límite de idade para inscribirse no rexistro.
En definitiva consideran que se trata dunha normativa elaborada de costas ós propios afectados que non supón ningún beneficio para os novos creadores que tentan facerse un oco no panorama musical.
Redacción Barbanza