O MEC distingue a biblioteca do IES Leliadoura co terceiro premio nacional

    iesleliadoura_100_300507.jpgRIBEIRA > O IES Leliadoura é un dos máis dinámicos da comarca grazas ás actividades que desenvolve o equipo coordinador da biblioteca.

    A biblioteca do instituto ribeirés foi unha das distinguidas polo Ministerio de Educación entre centros de toda España debido ós proxectos de dinamización que organiza durante todo o curso. Varios membros do equipo responsable da biblioteca desprazáronse a Madrid para recolle-lo terceiro premio valorado en seis mil euros, nun acto presidido polo secretario xeral de Educación, Alejandro Tiana, ó que tamén asistiu a Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón.

    O proxecto desenvovlido pola Biblioteca do Leliadoura ó longo deste curso, baixo o título ‘A risa con letra entra’, acolleu diversas actividades relacionados co mundo da imaxe e a súa interrelación coa literatura.

    As actividades tiveron unha gran aceptación entre profesores e alumnos, convertendo á biblioteca no eixo dinmizador do centro.

    Proxecto integral

    O obxectivo do equipo coordinador da Biblioteca é desenvolver un plan integral, dende tódolos departamentos educativos, e que incida tamén noutros aspectos da educación dos alumnos. Por este motivo, este curso levouse a cabo unha novidosa campaña relacionada coa alimentación na que, polo préstamo dun libro, cada rapaz recibía unha mazá que ademais de constituir un alimento saudable contribúe ó bo estado da dentadura.

    En anos anteriores tamén se desenvolveron proxectos complementarios como a exposición de obxectos típicos doutros países, aportados por alumnos extranxeiros, como un modo de favorece-la interculturalidade.

    Polo momento, os membros deste equipo aínda non teñen decidida a programación do vindeiro ano, posto que se atopan completamente centrados nas actividades que aínda se desenvolverán ata finais de curso. Aínda que de seguro, o novo proxecto volverá espertar o interese dos alumnos e mesmo do Ministerio, facendoo, quen sabe, merecedor novamente doutro premio nacional.

    Redacción Barbanza