O BNG denunciará ante Patrimonio o abandono do Pazo de Goiáns

    BOIRO> O BNG de Boiro denunciará ó concello ante Patrimonio polo abandono do Pazo de Goiáns. Ademais deste caso, o máis grave, critican a venda de bens patrimoniais de carácter público para construír outro tipo de instalación. O BNG de Boiro desaproba a política do goberno local en materia de patrimonio. Consideran que se están a sumir no abandono os bens públicos máis representativos do concello, como é o caso do Pazo de Goiáns que pasou a titularidade municipal durante o mandato do bipartito. Os nacionalistas critican a pasividade do executivo que non ten acometido ningunha actuación de recuperación. Todo o contrario; denuncian que se procedeu ó derrube de muros no interior da finca sen ningún tipo de autorización nin informe de Patrimonio polo que porán os feitos en coñecemento da autoridade competente. Ademais da falla de conservación do patrimonio, os nacionalistas denuncian tamén o abandono doutras instalacións municipais como os centros sociais de Cabo de Cruz e Abanqueiro. Este último carece mesmo de electricidade e só funciona grazas ó esforzo dos veciños xa que tan sequera conta cun encargado. Pola súa banda, o alcalde de Boiro explicou que o proxecto do Pazo de Goiáns segue sobre a mesa pero non é unha prioridade. Nestes tempos de crise, onde non abondan os fondos públicos, o concello aposta por mellorar e garantir os servizos básicos á cidadanía.