Carmela Silva xa é presidenta da Deputación de Pontevedra tras un pleno sen sorpresas

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/07xullo/17/constitucion_depo.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/07xullo/17/constitucion_depo.mp4{/flowplayer}

     

    PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra xa ten nova presidenta. Os votos de BNG e PSOE foron suficientes para facer valer a candidatura da socialista Carmela Silva, que ao final do pleno de constitución recollía o bastón de mando. Silva é a primeira muller que preside o goberno provincial; tamén a primeira presidenta que non milita nas filas do Partido Popular. No seu discurso de hoxe, prometeu máis diálogo, máis municipalismo e un cambio radical na institución.

    Nun pleno sen sorpresas, os votos de PSOE e BNG foron suficientes para situar a Silva á fronte da institución provincial: a primeira vez que unha muller preside este  goberno e a primeira vez que non está á fronte o Partido Popular.

    O Bloque Nacionalista Galego non presentou candidato no pleno. O deputado e futuro vicepresidente da Deputación, que ao prometer o cargo incluíu o compromiso de defender por riba de todo os intereses do pobo galego, falaba así dos cambios na institución.

    Promesas para o futuro e críticas ao pasado e aos anteriores gobernos do Partido Popular. Agardando un xiro de última hora, a formación propuxo a Rafael Louzán como presidente, pero os apoios populares foron insuficientes.

    Louzán optou por dar un paso atrás e deixar falar durante o pleno a unha das novas voceiras do grupo. Rematado o pleno, non aclarou o seu futuro nin deu datas para a súa posible saída da corporación.

    Máis diálogo e transparencia, menos presidencialismo e discrecionalidade, prestar especial atención aos máis desfavorecidos ou  a aposta polo municipalismo, son algúns dos compromisos que a xa presidenta da Deputación adquiriu para os seus catro anos de mandato.