Aguiño acollerá esta vindeira fin de semana a XIX edición da Festa do Percebe

    RIBEIRA> A cita gastronómica, que foi presentada esta mañá na casa consistorial, terá un desenvolvemento semellante á desenvolvida o pasado ano. O concello de Ribeira, en colaboración coa Confraría de Pescadores de Aguiño, volverá a organizar unha nova edición, e xa van dezanove, da Festa do Percebe. Trátase dunha cita gastronómica que é hoxe un referente, non só na comarca senón tamén en toda Galicia. Do mesmo xeito que acontecera na última edición, a festa volverá a desenvolverse en dúas xornadas, o sábado 25 e o domingo 26 de xullo. O primeiro día procederase ó descubrimento do monumento dedicado ós percebeiros realizado polo artista Gonzalo Sarasquete e terá lugar tamén a lectura do pregón. O domingo, a partir das doce do mediodía, dará comezo a degustación. O acto estará presidido pola conselleira de Medio Rural e Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana. A organización informou de que ese día poñeranse á venda unhas dúas mil racións de crustáceo, que irá acompañado tamén doutros exquisitos manxares. A música tradicional e as actividades para os máis pequenos terán tamén acollida no amplo e variado programa da festa que ano tras ano está a adquirir un maior protagonismo.