Accidente mortal na autovía do Barbanza á altura de Rianxo

    RIANXO> O accidente producíase a primeira hora desta mañá e saldouse coa morte dun mozo de vinte e oito anos da parroquia ribeirense de Palmeira. O suceso producíase ó redor das nove e media desta mañá na autovía do Barbanza, concretamente á altura da Rianxo. O vehículo, un Skoda Fabia de cor gris, con placas de matrícula 3658-FKH, que circulaba en dirección Ribeira, por causas que se descoñecen polo de agora, colidiu frontalateralmente contra a mediana deste vial quedando no medio da calzada. No automóbil viaxaban dúas persoas que a consecuencia do impacto quedaron atrapadas e tiveron que ser excarceradas. O condutor, Víctor Manuel Redondo Fernández, de 28 anos, natural de Palmeira, falecía poucos minutos despois do accidente sen que os servizos de emerxencia que se trasladaron rapidamente ata o lugar puideran facer nada por reanimalo. O outro dos ocupantes do vehículo, ó parecer tío do falecido, con iniciais J.F.S, de 74 anos, foi trasladado en helicóptero ata o Clínico de Santiago en estado crítico onde permanece con pronóstico reservado. Ademais dos bombeiros do parque comarcal de Boiro, ata o lugar do sinistro achegáronse numeroso efectivos de emerxencia, entre eles Policía Local e Protección Civil de Rianxo, unha ambulancia do 061 e o helicóptero do 112, así como tamén Garda Civil de Tráfico. A consecuencia do accidente a autovía en dirección Ribeira sufriu pequenas retencións e estivo regulada ó tráfico, desviándose tamén a circulación durante algún tempo pola estrada AC-550 ata Taragoña. Dase a circunstancia de que esta é a segunda morte que se produce neste vial dende a súa inauguración no ano 2008.